xoves, 30 de decembro de 2021

A Plataforma interviu no Pleno do Concello de Ferrol convocado en sesión ordinaria onte mércores 29 de decembro, no punto 9 da orde do día, onde se abordou a proposta de aprobación da Segunda Addenda ao Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do Concello de Ferrol - Vídeo da intervención e do debate no Pleno



O Pleno Municipal en sesión Ordinaria que se celebrou no Palacio Municipal, o mércores 29 de decembro de 2021, ás 7 da tarde, no punto 9, abordou-se a proposta de aprobación da SEGUNDA ADDENDA ao Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do Concello de Ferrol.


Por medio de Lupe Ces, a Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, interveu no citado Pleno para solicitar que se entregue a Augas de Galicia a xestión do sistema de saneamento e depuración (incluído o que xestiona ACUAES) porque este ten un carácter supramunicipal e a xestión debe ser única e centralizada, para optimizar custes e aproveitar as sinerxías, mentres non se constitúe un ente supramunicipal para a xestión do sistema. E apoiamos a creación dese ente supramunicipal entre os dous concellos, sempre que se trate da xestión directa mancomunada dunha empresa pública que reverta os beneficios en mellorar o sistema reducindo custes enerxéticos e custes ambientais. Para iso temos exemplos onde mirar como pode ser o modelo da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros que constituíron en 2013, a empresa pública Edar Bens SA, co fin de xestionar de xeito conxunto a depuración das augas residuais dos cinco concellos, convertendo-se na primeira empresa supramunicipal de Galiza.


Texto da intervención da Plataforma no Pleno Municipal de Ferrol de hoxe, por Lupe Ces

Boas tardes!

A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización toma a palabra neste pleno municipal para solicitar no seu nome, e no nome das veciñas e veciños de Ferrol amantes do bem común e practicantes do sentido común, que se devolva a xestión das infraestruturas do servizo de saneamento e depuración a Augas de Galicia, mentres non se críe un ente supramunicipal, de carácter público, que afronte a xestión deste servizo.

Nesta cidade estamos no “Día da marmota”,  como lle pasaba a Bill Murray no filme "Atrapado no tempo", e deste bucle nom se sae se nom se actúa de xeito diferente, correcto e xusto. No caso desta corporación, se non se actúa en defensa dos intereses da veciñanza deste Concello e non no interese dunha empresa que consegue, unha corporación tras outra, que todo se organice en función dos intereses empresariais da parte privada de EMAFESA.

Vimos outra vez a dicir e repetir, e asín o faremos o tempo e as veces que faga falta, que EMAFESA debe estar fóra da xestión de calquera servizo de Ferrol. Unha empresa que só merecera neste momento un expediente por incumprimentos de contrato e unha auditoría completa por irregularidades.

Non se pode confiar nesta empresa tal e como foi a sua xestión ao longo destes anos, pola cantidade de irregularidades e incumprimentos que ven realizando: lecturas estimadas abusivas para facerse con liquidez a consta da veciñanza; facer definitivo o que era provisional, aplicando consumos lineais por non instalar contadores nos barrios de Recimil e San Pablo; cobro da depuración sen que se prestase o servizo enganando ate ao mesmo goberno municipal; non facendo ningún investimento no saneamento do rural, sendo este un dos compoñentes para o cálculo do prezo da taxa que se nos cobra; retención e non pago do canon concesional, chegando a deber ao Concello máis de 6 millóns de euros; retención do canon da auga despois de telo recadado...

O “Día da marmota” Señor Mato. Mentres, vostede afirma en Radio Voz que EMAFESA é unha empresa “pública” e modélica. Nós retámoslle a que publique as actas dos seus consellos de administración e as súas contas, e logo probe a solicitar un cambio na xerencia da empresa a ver como lle vai. Ou por exemplo esixa e publique os datos de canto recada a empresa SOCAMEX, a parte privada, subcontratada pola propia EMAFESA, cobrando 120€ a hora ou fracción, por resolver os problemas de atascos no saneamento que teñen as comunidades nos edificios desta cidade. A onde van parar os lodos que recolle? Está incluído no prezo do servizo a xestión deses lodos cando a propia SOCAMEX o que fai é verte-los no sistema de depuración da cidade? Cobra pola auga consumida por este servizo, cando sabemos que a colle directamente do sistema? Como explica vostede que se nos siga cobrando igual polo concepto de saneamento (rede de sumidoiros), cando unha parte moi importante da rede (rexistros, colectores, interceptores) xa non os xestiona EMAFESA que os leva ACUAES e xa os pagamos no concepto de depuración?

A parte pública de EMAFESA, o seu goberno municipal, nen sabe nen quere saber. Cando o seu labor ten que ser de fiscalizador e garante da xestión, vostede como os seus antecesores, só están para tomar acordos que aumenten o volume de negocio de EMAFESA, e tapen as súas vergoñas.

EMAFESA empresa modelo de xestión? Pois algo pasará para que este Pleno leve sen aprobarlle as contas dos exercicios 2016, 2017, 2018, 2019 e 2020. Cinco anos sen que se lle aproben as contas, iso só se pode traducir en irregularidades, desconfianza, incompetencia e mala xestión.

O “Día da marmota”. Augas de Galicia propúxolles tres alternativas nun documento que agora coñecemos: devolver a xestión a Augas de Galicia; criar un ente supramunicipal ou continuar como estamos, no “Día da marmota”, iso si regulando  e coordinando o que non se deu feito en sete anos. Un documento que tampouco é neutral. Está claro polo contido do documento que Augas de Galicia non quere para nada a xestión do sistema, e o da constitución do ente supramunicipal, aínda que o cualifique do ideal, parece que está moi lonxe, pola incapacidade que amosaron os concellos para poñerse de acordo nesta solución, ou mais ben debemos dicir polo encantamento que exerce Socamex sobre o goberno municipal.

Temos que lembrar que Narón e Ferrol, chegaron a un acordo o 17 de agosto de 2018, asinado por Jorge Suárez e Marián Ferreiro, para que fora ACUAES a partir do 1 de agosto de 2019 quen xestionara o sistema, mentres non se creara o ente supramunicipal, estando esta sociedade estatal de acordo e facendo os estudos correspondentes, publicados en marzo de 2019, por uns custes de explotación un 22% inferior ao que nos sae con EMAFESA.  Acordo que todos os grupos municipais coñecen e que foi remitido ao daquela director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez. Algún dia saberemos quen truncou este acordo? A transparencia non é o forte dentro de todo este proceso, todo o esforzo realizado por tanta xente quedou en baldío.

Estamos no “Día da marmota” porque vostede como os seus antecesores tropezan na pedra de Narón, que defende á sua veciñanza, e non dan co xeito de evitar o obstáculo, unha e outra vez. EMAFESA quere cobrar en base a uns cálculos que Narón non acepta e que a unha parte da veciñanza de Ferrol, se nos veñen aplicando inxustamente desde o ano 2014. Poderémonos librar do obstáculo que representa quen xestiona EMAFESA?

Hoxe votan seguir no “Día da marmota”. Nós desde esta Plataforma pedímoslles que non o fagan, que fagan frente común con Narón e devolvan a xestión do saneamento e depuración a Augas de Galicia, única entidade que asumiu con carácter indefinido esa xestión nun convenio subscrito o 27 de decembro do ano 2013 coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e se poñan a traballar na creación dun ente supramunicipal para unha xestión pública deste servizo.

Entregue a Augas de Galicia a xestión do sistema de saneamento e depuración (incluído o que xestiona ACUAES) porque este ten un carácter supramunicipal e a xestión debe ser única e centralizada, para optimizar custes e aproveitar as sinerxías. Todo isto mentres non se constitúe un ente supramunicipal para a xestión do sistema. Esta Plataforma apoia a creación dese ente supramunicipal entre os dous concellos, sempre que se trate da xestión directa mancomunada dunha empresa pública que reverta os beneficios en mellorar o sistema reducindo custes enerxéticos e custes ambientais.

Para iso temos exemplos onde mirar como pode ser o modelo da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. Estes concellos  constituíron en 2013, a empresa pública Edar Bens SA, co fin de xestionar de xeito conxunto o saneamento e depuración das augas residuais dos cinco concellos, convertendo-se na primeira empresa supramunicipal de Galiza.

Estes meses, a suba exponencial dos custes da electricidade debera ter feito sacar as cores a quen planeou e aprobou o sistema de saneamento imposto á nosa cidade. Un sistema insostíbel económica e ambientalmente. Non se trata de levantar outra vez as rúas da cidade como afirmou o Sr Suárez no pleno do pasado mes de xullo, nun intento de ridiculizar a quen cuestionamos o actual sistema. Trátase de esixir ás administracións autonómica e estatal, que contribúan para realiza as transformacións necesarias, para que o sistema sexa máis sostíbel (transformación gradual nun sistema separativo, innovación tecnolóxica, aproveitamento das augas residuais -biogás-  e  a súa caída como fonte de enerxía, instalación de turbinas eólicas, paneis de enerxía solar, optimización e redución dos custes eléctricos...) seguindo o modelo da nomeada empresa supramunicipal pública EDAR BENS.

Estas melloras no sistema tan necesarias, non se van conseguir permitindo unha xestión privada do servizo. Lembren que EMAFESA ten no 3% do facturado un dos piares do seu negocio; que fai negocio co caudal aumentado; que fai negocio aumentando o consumo.

Sr. Alcalde, señores e señoras concelleiras, nós quixeramos despertar do “Día da marmota”, non o impidan vostedes co seu voto.

---