xoves, 20 de febreiro de 2020
A veciñanza de Ferrol segue presentando recursos contra o recibo da depuración do período cando non se prestaba o servizo
A veciñanza de Ferrol segue presentando recursos contra o recibo da depuración das augas residuais do período (setembro/2014-marzo/2017) cando non se prestaba o servizo.
Son catro semanas, as que leva a Plataforma, de contacto coa veciñanza de explicación da fraude pola taxa de depuración que o Concello e Emafesa, se empeñan en facer pagar a unha parte da veciñanza de Ferrol, cando este servizo non se prestaba. Son 31 meses e máis de 7,12 millóns que se lles están cargando a uns 30.000 mil fogares.
Desde o 20 de xaneiro comezaron a chegar ás casas o terceiro recibo da depuración, correspondente a unha parte (xullo-agosto-setembro/2015) do período de cobro xullo-decembro/2015, ao que a Plataforma elaborou un recurso que as veciñas e veciños están-no entregando no Rexistro Xeral do Concello, ao tempo que proceden a súa devolución na entidade bancaria quen o ten domiciliado, ou deixan-no de abonar, quen o fai de xeito directo en Emafesa, en oficinas ou caixeiros de ABANCA ou desde internet.
Estes días esta chegando aos fogares unha carta de Emafesa, con data do 28 de xaneiro de 2020, onde se comunica que nos vindeiros seis recibos bimensuais, durante un ano, ate febreiro de 2021, vai-se facturar, dentro do recibo xeral da auga (Emafesa, Xunta, Sogama e Urbaser), cun concepto diferente que con toda probabilidade será "FRACCIÓN TAXA DEPURACIÓN (ATRASOS)". O mesmo concepto que utilizou para cobrar, con efectos retroactivos. os recibos do período comprendido entre o 3 de abril e o 14 de novembro do 2017. Que pasaron ao seu cobro en 8 recibos (agosto/2018 - outubro/2019) durante un ano e catro meses. Unha recadación duns 1,7 millóns de euros, dunha taxa que está sobre un 20% máis avultada do que tería que ser, mais que era dun período onde, daquela xa entrara en funcionamento o sistema de "saneamento, interceptación e depuración", conectando a maioría dos barrios de Ferrol e Narón.
Desde a Plataforma, non contemplamos unha devolución masiva dos seguintes recibos bimensuais e que van ser cargados, por Emafesa, nos seguintes 6 recibos, durante un ano ate febreiro de 2021. Pois implica unha maior dificultade que non todo o mundo quere ou pode facer. Aínda que sería o ideal que o maior número de persoas o fixeramos. De todos os xeitos a Plataforma está elaborando un método, para poder recorrer ditos recibos que implica a realización de diferentes pasos, sendo o primeiro deixar de ter domiciliado o recibo nas entidades bancarias e facer os ingresos directamente, descontando, do seu importe total, a cantidade que corresponda ao concepto, xa mencionado, de "Fracción Taxa Depuración (Atrasos)" máis o 10% de IVE. Mais este método en fase de proba, será feito público, con detalle, mais adiante.
Modelo de Recurso. | Acceder/Baixar.
---