xoves, 4 de xullo de 2019
A Plataforma reitera a súa petición para manter unha xuntanza co novo Alcalde - Continúa a Campaña Informando á Veciñanza e o chamamento a 'Non Pagar' - Vai realizar un novo Acto Informativo na Praza de Sevilla para o martes 9 de xullo ás 8 da tarde - E establece uns puntos de información á veciñanza, en diferentes lugares do Concello, tres veces á semana durante este mes de xullo
Membros da Plataforma achegaron-se na última hora da mañá de onte, 2 de xullo, até o Pazo Municipal, onde entregaron por escrito no rexistro municipal, o recordatorio da petición de xuntanza, realizada o 21 do pasado mes de xuño. Unha solicitude de reunión coa alcaldía, para abordar este importante asunto de interese veciñal, como é o paso a cobro do recibo que Emafesa está enviando aos fogares abonados, o recibo da depuración do período no que non se depuraba. Escrito onde reitera a solicitude de que teña a ben conceder unha reunión a membros desta plataforma veciñal na defensa dos servizos públicos. Agardamos que o Alcalde, Angel Mato, dea satisfacción a esta solicitude, o máis axiña posíbel...
Non Pagar !
A Plataforma fai un chamamento a Non Pagar o recibo deste período. Considera que ten que haber outra solución que non sexa o saqueo á veciñanza. Máis de 6,16 millón con IVA, que pretenden que paguemos por un servizo que non se prestou. Non hai nada que xustifique o porque a veciñanza de Ferrol temos que pagar 31 meses máis que a veciñanza de Narón. A non ser a moi mala política dos anteriores alcaldes, José Manuel Rey Vatela e Jorge Suárez. A Plataforma agardamos que este alcalde, Angel Mato, solucione esta inxustiza e non continúe co mal goberno. Mentres, a Plataforma chamamos a quen non pagou, que continúe sen pagar, e quen xa pagou e o fixo directamente no banco ou por domiciliación bancaria, que o devolva. Queremos unha saída negociada.
Os motivos para non pagar
✔ Emafesa está pasando ao cobro, o recibo de depuración, como atrasos do período (xaneiro-xuño de 2015), no que o sistema non funcionaba.
✔ Tratase dun recibo inxusto e avultado, denunciado pola Plataforma e recoñecido polos propios concellos de Narón e Ferrol, así como polos propios estudos independentes das consultoras Eudita e Otima.
✔ Durante ese período, na depuradora non estaba contratado persoal, nin conectada á rede eléctrica. e non podía funcionar.
✔ As augas residuais que chegaban eran só o 1,5% do total da capacidade e saían sen depurar directamente ao mar.
✔ O sistema non foi conectado até o 3 de abril de 2017. Até esa data vertía-se á ría o 98,5% das augas residuais.
✔ Os interceptores e tanques de tormenta non foron rematados, nin entregados, até marzo de 2017, nin sequera na súa totalidade.
✔ Na taxa que nos pasan a cobro, vai incluído o mantemento dos interceptores, tanques de tormenta, ... que se contratou en marzo de 2017 e comezou a facer-se só a partires de abril do mesmo ano.
✔ Pretenden que paguemos 31 meses máis que a veciñanza de Narón, cando o sistema é o mesmo para os dous concellos (depuradora, interceptores, tanques de tormenta, ...) e comezou a funcionar o mesmo día tanto para Ferrol, como para Narón.
✔ Na actualidade, está por resolver un recurso de apelación, no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Recurso interposto polo Concello de Ferrol contra a Sentenza 62/2018, de data 25 de maio de 2018, na demanda contencioso-administrativo, presentada pola parte privada de Emafesa (Socamex SAU), contra a suspensión da taxa en setembro de 2015. Recurso que afecta ao último período que pretende cobrar Emafesa en próximos recibos (do 18 de setembro de 2015 ao 31 de marzo de 2017), case 19 meses.
Puntos de Información da Plataforma no mes de Xullo:
A Plataforma organizou unha serie de Puntos de Información, para toda a veciñanza. En concreto durante este mes de xullo, serán tres puntos, polas mañás con horarios de 10 a 12. En Caranza, O Inferniño e Canido, onde calquera veciña ou veciño se pode informar das dúbidas que teña ao respecto, e mesmo levar os recibos. Tamén dispoñemos dun teléfono, para quedar en persoa, co obxectivo de disipar ás dubidas legais que se tiveran, ao respecto das consecuencias de non pagar.
💧 ➤ Os martes, de 10 a 12 do mediodía, no Centro Cívico de Caranza.
💧 ➤ Os mércores, de 10 a 12 do mediodía, no local da Asociación Veciñal 'O Rosario' do Inferniño (Quiosco da parada de taxis, entre a estrada de Castela e a Praza).
💧 ➤ Os xoves, de 10 a 12 do mediodía, no Centro Cívico de Canido.
Teléfono de contacto para asuntos legais en relación ao non pago do recibo, de xeito gratuíto, só se dá información presencial: 656 92 07 63 (Guillermo Roca).
PLATAFORMA NA DEFENSA
DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol | Twitter: @municipalizarFT
---