sábado, 1 de setembro de 2018

A Plataforma denuncia o financiamento irregular de Emafesa a conta da veciñanza de Ferrol - A mediados deste mes que remata, a empresa mixta de augas de Ferrrol, comezou a remitir cartas a todos os fogares anunciando o cobro dunha nova factura de depuración, dun período anterior ao levantamento da suspensión da taxa que foi en 15 de novembro do pasado ano - Ademais da aplicación abusiva e irregular, de facturas por consumo estimado moi avultado que se están facendo masivamente, contra o que dispón as ordenanzas e o propio Regulamento de Augas



A Plataforma denuncia o financiamento irregular de EMAFESA a conta da veciñanza de Ferrol


A mediados deste mes que remata, a empresa mixta de augas de Ferrrol (Emafesa), comezou a remitir cartas a todos os fogares anunciando o cobro dunha nova factura de depuración, dun período anterior ao levantamento da suspensión da taxa que foi en 15 de novembro do pasado ano. Unha media aproximada de 45 euros por fogar (máis de 1,5 millóns de euros), que se xunta á aplicación abusiva e irregular, de facturas por consumo estimado moi avultado que se están facendo masivamente, contra o que dispón as ordenanzas e o propio Regulamento de Augas. A empresa mixta de augas esta-se financiando a consta da veciñanza, tapando os furados do mal goberno e da pésima xestión privada do servizo por parte de Socamex, que só mira polos seus intereses particulares.

Unha vez máis temos que chamar a atención do abuso continuado que Emafesa practica coa anuencia e complicidade do goberno municipal actual. Lonxe de facer o prometido no seu programa electoral e de goberno, chega até permitir que a empresa mixta estea procedendo ao cobro dunha taxa avultada e devengada até cando aínda non estaba levantada a suspensión da mesma. Pois o acordado no Pleno Extraordinario do 15 de novembro foi o levantamento da suspensión con efectos só dese mesmo día e a efectos de validez e eficacia do carácter retroactivo do levantamento da suspensión virían determinados polo contido do ditame do Consello Consultivo o cal non se pronunciou, por considerar non ser da súa competencia [1]. Mais a maiores, hai xurisprudencia que anula as disposicións que pretenden o cobro retroactivo de taxas. Ademais de que o “marco legal“ (Convenio de Colaboración entre Concello e Augas de Galicia) que alega o goberno municipal para a presencia de Emafesa na depuradora, foi asinado con posterioridade, catro meses despois do inicio do período que se vai cobrar, o 1 de agosto de 2017 e publicado o seu anuncio, no BOP unha semana despois.

É incongruente e inxusto, pasar ao cobro de xeito retroactivo unha taxa de forma irregular, cando non se ten feita a mil veces anunciada devolución dos 800 mil euros cobrados indebidamente á veciñanza en xaneiro de 2015, por un servizo que non se prestaba, como así o di de forma expresa o artigo 26.3 da Lei de Facendas Locais RDL 2/2004, de 5 de marzo, no artigo 12 Devolución, da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos e nos artigos 32 e 220 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria que din que hai que devolver a taxa devengada cando non se presta o servizo.

O goberno municipal é consciente de que a taxa actual aplicada por Emafesa está avultada e malia que anunciou a modificación da Ordenanza Municipal, fai case 10 meses, aínda non o fixo, mentres a veciñanza seguimos pagando unha taxa inxusta. Existen dous estudos de terceiras partes que así o demostra (EUDITA e OTIMA). Ademais este extremo foi confirmado polo Concello de Narón, polo que este non está procedendo ao pago do servizo.

Poderíamos seguir enumerando a cantidade de irregularidades, de compromisos incumpridos, de lexislación vulnerada, de inxustizas, de enganos e incongruencias, mais a estas alturas, está case todo dito, mais queremos facer hoxe mención a tres asuntos que nos preocupan:

- O Concello e Emafesa están procedendo a cobrar por lecturas estimadas fixas bimensuais de 20 m3, a veciñas e veciños das vivendas de Recemil e San Pablo independentemente do número de persoas que habitan nelas. Cando unha persoa soa consume menos de 9 m3. Esta situación fíxose moi gravosa para aquelas persoas que viven soas e con pensións baixas e sobre todo ao ser incrementadas pola aplicación da taxa de depuración. 

- A inacción e silencio das asociacións veciñais no asunto da taxa de saneamento e depuración, ante o aumento da carga impositiva que significa para a veciñanza e a inxustiza da situación.

- Para rematar non queremos deixar de citar a ilegalidade producida no último pleno municipal ao aprobar as contas de EMAFESA, do 2014 e 2015, coa axuda dos votos e abstención do PP, sen facer a correspondente auditoría integral que tantas veces foi anunciada por este goberno municipal.

O goberno do actual alcalde de Ferrol Jorge Suárez, continua coa fraude na súa política de saneamento e depuración, comezada polo seu predecesor, José Manuel Rey Varela, na primavera de 2014, onde se impuxo unha taxa avultada e inxusta, taxa que continua en vigor, a pesar de tantas veces anunciado o seu cambio, e agora se lle aplica tamén con efectos retroactivos a toda a veciñanza, facendo caso omiso ao acordado no Pleno Extraordinario do 15 de novembro de 2017.

Non só temos que soportar prezos abusivos e en constante crecemento das grandes corporacións do gas e a electricidade, senón que agora tamén o recibo da auga por mor do mal goberno de Ferrol en Común que estaba chamado a ser o motor do cambio e acabou convertido no valedor das políticas do Partido Popular no Concello en materia de auga, depuración e saneamento.

En Ferrol, a 31 de agosto, de 2018

Nota.-

[1] Detalle da Acta do Pleno Extraordinario celebrado o 15 de Novembro de 2017.

Tendo en conta os informes emitidos polo xefe da área, o interventor e o secretario, en virtude do sinalado propónselle a adopción dos seguintes acordos plenarios:

Primeiro.- Declarar finalizada a suspensión da aplicación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola depuración de augas residuais publicada no BOE de data 3 de setembro do ano 2014.

Segundo. - O cesamento da suspensión vén determinado polo cumprimento do feito impoñible da taxa, polo que ten efectos 3 de abril do presente exercicio, nos termos indicados na parte expositiva, reiniciando dende dita data a emision das liquidacións correspondentes, e co arquivo do expediente de derogación.”

Previa deliberación, a Corporación, en votación ordinaria e por maioría de sete votos a favor, correspondentes ós sres./as. membros do grupo Ferrol en Común e as sras. Fernández Lemos e Méndez Fonte, fronte a seis votos en contra, correspondentes ós sres./as. membros dos grupos Socialista, Bloque Nacionalista Galego e a sra. Leira Penabad e doce abstencións, correspondentes ós sres./as. membros dos grupos Popular e Ciudadanos, acordou aprobar a emenda proposta pola voceira do grupo Popular que textualmente di:

“Primeiro.- Declarar finalizada a suspensión da aplicación da Ordenanza Fiscal reguladora da taxa pola depuración de augas residuais, publicada no BOP de data 3 setembro de 2014, con efectos de data de hoxe.

Segundo.- Os efectos de validez e eficacia do carácter retroactivo do levantamento da suspensión na aplicación da Ordenanza Fiscal virán determinados polo contido do ditame do Consello Consultivo para garantir a legalidade da proposta para salvagardar as responsabilidades económicas e patrimoniais do concello e para garantir a viabilidade da empresa municipal coa súa saída da situación de potencial causa de disolución.

E, terceiro, manifestar o compromiso de proceder de xeito inminente ó inicio dos trámites necesarios para a modificación da taxa de depuración de augas residuais.

Fonte da nota: Acta do Pleno Extraordinario. | 15.11.2017
---