domingo, 22 de xullo de 2018

A Plataforma denuncia que o Alcalde Jorge Suárez pretende o branqueo das contas de Emafesa, no vindeiro Pleno do 26 de xullo, aprobando as contas e os informes de xestión de 2014, 2015 e 2016 - O alcalde e o seu goberno de Ferrol en Común, xa non disimulan pois á vista das contas de Emafesa que van presentar a aprobación, e outras accións feitas ao longo do seu mandato sobre a taxa de depuración de augas residuais, están a confirmar a mesma política do Partido Popular, lesiva para os intereses da veciñanza e beneficiosa para o socio privado de Emafesa que aumenta o volumen de negocio e se lle pretende deixar cobrar unha taxa inxusta e con efectos retroactivos



O pasado 20 de xullo, tiña lugar unha rolda de prensa da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, na sá de comisiónss do Concello de Ferrol. No transcurso da rolda de prensa fixo-se público o seguinte

COMUNICADO

O próximo xoves 26 de xullo, o alcalde de Ferrol Jorge Suarez vai levar a pleno a aprobación das contas de EMAFESA dos anos 2014, 2015 e 2016. O alcalde e o seu goberno de Ferrol en Común, xa non disimulan pois á vista das contas de Emafesa que van presentar a aprobación, e outras accións feitas ao longo do seu mandato sobre a taxa de depuración de augas residuais, están a confirmar a mesma política do Partido Popular.

Desde esta Plataforma seguimos e seguiremos denunciando a xestión do goberno municipal en este asunto por ser lesiva para a maioría da veciñanza de Ferrol. Facemos este comunicado aos medios para informar do seguinte:

- Coas propostas que leva ao pleno do 26 de xullo se aprobará a xestión irregular de Emafesa e mesmo a do goberno anterior de Rey Varela (Partido Popular).

- Así mesmo se acepta que se nos cobrará unha taxa por un servizo de depuración inexistente que supón un ingreso “extra” nas contas de Emafesa perto de 800.000 €.

- Con estas contas vaise aprobar o recoñecemento dunha débeda que reclama a empresa Emafesa, pola que teriamos que pagar os recibos non cobrados dos anos 2015 e 2016, anteriores á posta en marcha da depuradora. Unha débeda que acordou recorrer o propio Concello diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia!!!!, hai apenas un mes (Pleno Extraordinario do 18 de xuño). Nós preguntámonos, ¿con que forza van defender ese recurso se por outra parte se aproban as contas que recoñecen a débeda?

- Tamén se aprobaría que teñamos que pagar, sen que existise ningún tipo de control nin a cobertura legal para realizalas, as obras de reparación e posta a punto da depuradora, que Augas de Galicia deixou fechada e sen funcionar e botándose a perder por falta de mantemento de conservación.

- E en consecuencia, este goberno municipal quere amparar novamente un Convenio con Augas de Galicia en forma de “encomenda de xestión” así como un Protocolo con EMAFESA (PEC), que deberan estar denunciados por irregulares e por lesivos aos intereses da cidadanía, que só benefician á parte privada SOCAMEX que aumenta o seu volume de negocio sen ter que licitar en libre concorrencia.

O alcalde Jorge Suárez e o seu goberno elixiron o camiño máis cómodo pero máis espiñento para a veciñanza: dobregarse aos intereses das grandes empresas, esquecendo o que prometera na campaña electoral e nos plenos e declaracións de xullo e agosto de 2015 como era: auditar a EMAFESA, acudir á fiscalía, derogar a taxa, devolver os 800.000 euros cobrados irregularmente por Emafesa, entregar a depuradora á Xunta de Galicia -Augas de Galicia- , denunciar os incumprimentos e as irregularidades e rescatar o servizo para facer EMAFESA 100% pública).

Agora asegura que ten que sanear a empresa para remunicipalizala no ano 2030!!!!! Mentres pecha as orellas e o corazón ás reclamacións interpostas por moitas veciñas e veciños de Ferrol ante as prácticas abusivas da empresa da auga e o saneamento (lecturas estimadas irregulares avultadas até 2 e 3 veces...).

A respecto do arquivo da denuncia interposta por esta Plataforma diante do xulgado, esta Plataforma quere comunicar que non recibiu aínda o auto, e que o Alcalde tampouco foi informado do mesmo (segundo o propio Xulgado). Se sae aos medios de comunicación é por informacións que lle chegan a el por outras vías privilexiadas, de xeito irregular, sen coñecer o auto, e polo tanto sen coñecer as razóns do posible arquivo da denuncia. Consecuentemente, esta Plataforma non se vai pronunciar de momento sobre o mesmo.

O alcalde Jorge Suárez ten que entender que as inxustizas e os abusos non se tapan coma o pó debaixo da alfombra. As inxustizas e os abusos, só se corrixen e se reparan. Mentres non sexa así esta Plataforma na defensa dos Servizos públicos pola Remunicipalización seguirá, como dixemos o principio do comunicado, denunciando as irregularidades e abusos en relación aos servizos públicos no nome da veciñanza.

Ferrol, a 20 de xullo de 2018


Documentos relacionados:

- Orde do día do Pleno. | Acceder/Baixar.

- 2014 Contas Emafesa. Auditoría. Informe de Xestión. | Acceder/Baixar.

- 2015 Contas Emafesa. Auditoría. Informe de Xestión. | Acceder/Baixar.

- 2016 Contas Emafesa. Auditoría. Informe de Xestión. | Acceder/Baixar.


Enlaces coa nova nos medios:


2018.07.21- Auga. | Diario de Ferrol. | A Plataforma pola Remunicipalización denuncia a aprobación de contas de Emafesa. | A Plataforma na defensa dos Servizos Públicos, pola remunicipalición asegurou onte que o pleno da próxima semana marcará "un antes e un despois" e onde o alcalde, Jorge Suárez, "vaise quitar a careta, pasando a defender a parte privada de Emafesa". | Ir á Web.

2018.07.21 - Auga. | La Voz de Galicia. | O Concello pasará, con efecto retroactivo, un novo recibo por sete meses de saneamiento. | A Plataforma de remunicipalización acusa a Suárez de dobregarse aos intereses do socio privado de Emafesa.   | Ir á Web.

2018.07.20 - Auga. |  Galici@Press. | A Plataforma pola Remunicipalización acusa a Jorge Suárez de "dobregarse aos intereses de grandes empresas". | Europa Press | venres, 20 de xullo de 2018, 17:58 . | Ir á Web.
---