Este xoves 30 de Xuño de 2016, Fernando Ramos Armesto, no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, interveu no pleno do Concello de Ferrol, celebrado pola mañá, pedindo o desestimento do Contrato Eléctrico e a investigación da actuación do bufete asesor xurídico, do Concello, Lama&Asociados, por ser un dos seus socios parte interesada na adxudicación do contrato.
Texto da Intervención:
Ao Pleno do Concello de Ferrol no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización.
Bo día, tomamos a palabra neste pleno municipal, en representación dun grupo de veciñas e veciños, e de organizacións sociais, que ante a inminente sinatura do contrato eléctrico para a nosa cidade, deciden organizarse en plataforma para, nalgúns casos, incorporarse á defensa do interese xeral da veciñanza, e noutros casos, para retomar a defensa dos bens e servizos públicos.
Foi a posible sinatura deste contrato o que mobilizou a este grupo de veciñas e veciños, que de inmediato, comezamos analizar as características do mesmo, os seus protagonistas e, o máis importante, as consecuencias que tiña para esta cidade. Contamos para elo, co asesoramento de persoas expertas, tanto en xestión local, como neste tipo de contratos. Esas conclusións son as que queremos expoñer neste pleno para que se teñan en conta á hora de decidir se debe ser asinado ou non.
1º Aprendemos que este contrato é ilegal, porque se redacta como se fose un contrato de xestión de servizos públicos, cando en realidade trátase de dous tipos de contrato, un de subministro, que sería o caso do subministro eléctrico, e outro de servizo, que sería o caso de servizos enerxéticos e o mantemento da instalacións de alumeado público exterior e de edificios e dependencias municipais. Polo tanto, a duración do mesmo, segundo a lexislación vixente [*], non pode ser por máis de 4 anos, prorrogables a 2, e nunca por 15 como propón o contrato que se nos oferta. Nós entendemos isto perfectamente cando se nos preguntou se firmariamos un contrato de subministro de bolígrafos por 15 anos. Así de sinxelo. Pois no caso do subministro eléctrico, cun mercado e unha tecnoloxía en constante evolución, semella unha loucura facelo, e só se mostra interesante para as empresas que o propoñen para esta cidade. É por iso que o lexislador non pon limitación temporal, ao sobreentender-se que o interese xeral recomenda unha anualidade, só prorrogable por un ano máis.
2º Aprendemos que hai alternativas, esta corporación pode realizar un desestimento do contrato polas ilegalidades que presenta, ou tamén unha renuncia, por interese público. Todo parece indicar que un desistimento é o máis razoable nestes momentos. O desestimento permitiría abrir dun xeito rápido dúas liñas de contratación, subministro e servizo, por separado e dun prazo de duración dun ano, prorrogable a dous. Deste xeito sairiamos da situación de ilegalidade que supón carecer dos contratos, como sucede neste momento. Mentres, poderíanse iniciar un proceso de municipalización que estudara as alternativas para a xestión pública, tanto do subministro como do mantemento.
3º Non é de menor interese o que temos que dicir das empresas que concorren a este contrato. A Unión Temporal de Empresas que pretende que a cidadanía de Ferrol lle paguemos ao longo de 15 anos máis de 41 millóns de euros, son por unha parte FCC e pola outra SEFCON. No caso da primeira, Fomento de Construcciones y Contratas FCC, unha grande corporación transnacional, instalada na estratexia de converter en negocio o que pertence ao ben común e ao espazo público, provocando unha descapitalización da nosa cidade, pois levan fora a plusvalía o mesmo que as súas empresas filiais, empobrecendo máis a cidade. A segunda empresa, Servicios Eficientes de Control SL, é unha empresa que non ten nada que ver coa enerxía, ou o mantemento eléctrico, senón que opera baixo a definición de “conseguidores de negocio”. Pero é que no caso do noso concello, resulta altamente preocupante que o administrador único desta empresa, Francisco Borja Silveira Rey, sexa un dos socios, conselleiros e directores do bufete que presta servizos de asesoramento xurídico a este concello, Lama&Asociados, con o que o goberno do PP, presidido por José Manuel Rey Varela, asinou un contrato de 180.000 euros, por servizos xurídicos. Un bufete que se atreve a realizar un informe contrario ao desestimento ou á renuncia do contrato eléctrico e a ameazar veladamente co pago de fortes indemnizacións se se chegara a desistir ou renunciar a dita contratación, sendo parte interesada na sinatura deste contrato millonario.
4º Aprendemos que a municipalización dos servizos, sempre que se faga con criterios de boa xestión, transparencia, participación e racionalidade, resulta moi beneficiosa para a institución que a aplica, e satisfactoria e beneficiosa para a cidadanía que a percibe e goza. A recente remunicipalización do servizo de socorrismo, é un pequeno exemplo de aforro, mellora da calidade do servizo e da calidade das condicións de traballo, que demostra que neste concello é posible arrancar con procesos de municipalización.
Por todo o exposto, SOLICITAMOS a esta corporación,
PRIMEIRO.- Que encargue un informe xurídico que valore a posibilidade de finalizar o contrato con Lama&Asociados, tanto por abusivo no seu custe, como por romper o principio de confianza e lealdade a institución, e á defensa dos intereses xerais do pobo de Ferrol, ao actuar de mala fe no caso do contrato eléctrico, sabendo do conflito de intereses que representaba.
SEGUNDO.- Que aprobe o desestimento do contrato eléctrico con FCC e SEFCON, e comece un proceso de municipalización destes servizos.
Ferrol, 30 de xuño de 2016
[*] No caso do contrato de subministro e mantemento eléctrico a ilegalidade está ben clara, xa que polo seu obxecto e pola súa natureza xurídica, segundo a Lei de Contratos do Sector Público, non cabe un contrato de duración superior a catro anos, máis 2 de prórroga, é dicir de máis de 6 anos, polo que o contrato pretendido de 15 anos é nulo de pleno dereito segundo o art. 62.1.e) da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. É dicir, que o contrato de subministro e mantemento eléctrico do PP, é absolutamente ilegal e ademais é lesivo para o interese xeral dos cidadáns de Ferrol, ao hipotecalo por 15 anos nun sector tan volátil como o da enerxía.
***