luns, 15 de outubro de 2018
En Ferrol, o 18 de outubro, terá lugar a manifestación contra a estafa do recibo da auga, o saneamento e a depuración - Partirá ás 7 da tarde, desde a Praza Amada Garcia, diante do Edificio da Xunta de Galicia
A pesar de ser inxusto por estar moi avultado, a principios deste ano chegaba o novo recibo da depuración. Hai uns meses Emafesa, comezou a remitir cartas a todos os fogares anunciando o cobro dunha nova factura de depuración, dun período anterior ao levantamento da suspensión da taxa. Unha media aproximada de 45 € por fogar dividido en 8 recibos (máis de 1,6 millóns de euros), agora acordaron unha nova resolución mediante a cal, despois das eleccións municipais de maio de 2019, autorizan a Emafesa a pasar a cobro recibos dun período de 27 meses (uns 6,1 millóns de euros), no que non existía depuración (desde o 1 de xaneiro de 2015 a marzo de 2017). Todo isto xunta-se á aplicación abusiva e irregular, de recibos por consumo estimado moi avultado, que se están facendo masivamente, onde se duplican e triplican as lecturas reais, mesmo en vivendas e locais baleiros. Estimacións superiores ao que dispoñen as ordenanzas e o propio Regulamento de Augas. A maiores, fixeron permanente o que era provisional, a aplicación de 20m³ de consumos lineais abusivos en Recimil e Sindicais de San Pablo, desde hai anos, sen tomar medidas para restablecer a legalidade. É un roubo ás persoas máis desprotexidas. A empresa mixta de augas esta-se financiando a consta da veciñanza, tapando os furados do mal goberno e da pésima xestión privada do servizo por parte de Socamex, que só mira polos seus intereses. Para colmo, Emafesa presenta unha proposta de novas tarifas da Taxa de depuración que son unha burla á veciñanza de Ferrol, onde considera para un fogar con 20 m³ de consumo bimensual, unha baixada no recibo de só 0,97 céntimos. Baixada que non é mais ca unha subida de 0,15 céntimos respecto da proposta feita en febreiro de 2017. Toda unha burla.
Un abuso continuado que Emafesa practica coa anuencia e complicidade do goberno municipal actual. Que só se preocupa de salvar-se a si mesmo, do seu mal goberno, a consta do diñeiro das veciñas e veciños. Un mal goberno que permitiu chegar a unha situación crítica onde Socamex, pide concurso de acredores e ameaza coa solicitude de disolución de Emafesa, culpando dos seus males ao Concello de Ferrol coa pretensión de reclamar indemnizacións millonarias.
O goberno do actual alcalde de Ferrol Jorge Suárez, continua coa fraude na súa política de saneamento e depuración, comezada polo seu predecesor, José Manuel Rey Varela, na primavera de 2014, onde se impuxo unha taxa avultada e inxusta, por un servizo que non se prestaba, nin había persoal contratado, nin enerxía eléctrica na depuradora.
Un sen fin de irregularidades, de compromisos incumpridos, de lexislación vulnerada, de inxustizas, de enganos e incongruencias...
Non só temos que soportar prezos abusivos e en constante crecemento das grandes corporacións do gas e a electricidade, senón que agora tamén o recibo da auga por mor do mal goberno de Ferrol en Común, que estaba chamado a ser o motor do cambio e acabou convertido no valedor das políticas do Partido Popular no Concello en materia de auga, depuración e saneamento.
Para que hai que participar na manifestación do xoves 18 de outubro?
⭐ Para que abran un expediente administrativo a Emafesa pola mala práctica de emitir masivamente recibos por lecturas estimadas (non reais) e moi avultadas.
⭐ Para que non se aplique o cobro da taxa de depuración con efecto retroactivo, pois non é conforme ao aprobado no Pleno de 15 de novembro de 2017. E menos, unha taxa que se recoñece inxusta e avultada por todos os grupos municipais e os informes de EUDITA e OTIMA, que debe ser re-calculada dun xeito explicado, participado e transparente. Como tamén debe ser revisada e adaptada a taxa de saneamento (sumidoiros) aos custos reais, moito menos que os máis de 1,8 millóns que pagamos. E que se revise todo o recibo da auga.
⭐ Para que se devolvan os 800.000 euros cobrados indebidamente en 2015, durante o goberno de J.M. Rey Varela, por un servizo de depuración que non se realizaba.
⭐ Para que se realice dunha vez, a tantas veces anunciada auditoría integral sobre a xestión de Emafesa.
⭐ Para que se denuncien os desfavorábeis convenios do Concello con AcuaEs e Augas de Galicia.
⭐ Para que se devolvan as infraestruturas do sistema de depuración a Augas de Galicia, mentres non podan ser asumidas por un ente supramunicipal, onde entre o concello de Narón e nun futuro o de Neda.
⭐ Para que se anulen as liquidacións dos 27 meses onde non houbo depuración até que haxa unha sentenza xudicial firme. E en todo caso que sexa a través de subvencións como se equilibren as contas.
A auga e o saneamento é un Dereito Humano, non un negocio! Fóra as mans de Socamex do servizo público de auga!.
SANEAMENTO SI, ESTAFA NON !!!
Ferrol, outubro de 2018
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
---