mércores, 7 de novembro de 2018

A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización toma mais unha vez a palabra no Pleno do Concello de Ferrol onde se aprobaron novas ordenanzas para regular servizos básicos (Lixo, Sumidoiros e Auga), quedando adiada para outro Pleno posterior da Depuración - Vídeo e Texto



O 29 do pasado mes de outubro, o goberno municipal facilitaba a proposta de ordenanzas municipais que decidiron adaptar á nova Lei de Contratos do Sector Público que entrou en vigor en marzo deste ano e que xa fora aprobada en novembro do pasado 2017. Máis de 400 páxinas entre informes e datos, para ao día seguinte trata-los nunha comisión de economía e facenda. Entre as ordenanzas estaba a de recollida de lixo, sumidoiros, abastecemento de auga e depuración. Celebrada a Comisión, quedou convocada outra para o luns 5 de novembro e ao día seguinte 6 de novembro convocado un Pleno Extraordinario, para entre outros asuntos aprobar as ordenanzas municipais que para o Alcalde Jorge Suárez e o seu goberno municipal, só era un asunto de trámite, menos na da depuración que presentaba cambios substanciais no prezo, logo das diferentes propostas que se estiveron barallando logo da xunta de portavoces que tivera lugar unha semana antes. Segundo os nosos datos viña supoñer para un consumo de 20m3 bimensuais, un ha baixada de pouco máis de 2 euros, con respecto ao que se está cobrando na actualidade. O mesmo luns unha vez celebrada a Comisión e un día antes do Pleno o Alcalde anunciaba que retiraba do Pleno a ordenanza de depuración, pois se incluíra erroneamente, para o cálculo do prezo final os custes do pago do financiamento das obras do Convenio con Acuaes, pago que non pretende que repercuta no prezo final a pagar directamente pola veciñanza, mais si indirectamente a través dos orzamentos municipais. As tres ordenanzas foron aprobadas só por catro votos a favor (Pois dous membros do grupo de goberno xa non estaba presentes no Pleno no momento das votacións -Sainza Ruíz e Álvaro Montes- e a edil de urbanismo María Lemos que faltou a toda a sesión), fronte aos tres en contra do BNG e Esther Leira, e a abstención do Partido Popular, PSdeG-PSOE e Ciudadanos (A páxina web do concello non pon a verdade e di que foron aprobadas por seis votos as dúas primeiras e non di número de votos na segunda).

Chama a atención o que para Jorge Suárez e o seu grupo de goberno (Ferrol en Común e dúas non adscritas), consideran un simple feito de cambio de terminoloxía, para 50 deputados e deputadas dos seus afíns de Unidos Podemos - En Podem Común e En Marea, trata-se dunha cuestión inconstitucional, presentando en febreiro pasado, un recurso ante o Tribunal Constitucional (Admitido a trámite) o 6 de marzo de 2018 [1].  O obxecto da impugnación é a modificación da natureza xurídica das prestacións que recibe o concesionario, que pasaron a ser "de natureza de prestación patrimonial de carácter público non tributario"; o que ben supoñer unha ruptura de principios tradicionais e que afecta aos principios tributarios. Os lobys das grandes corporacións que buscan o facer-se con máis facilidade co diñeiro público e que están detrás desta Lei, teñen dous obxectivos: que o concesionario cobre directamente a contraprestación (Cousa que xa ben facendo en Ferrol) pagada pola veciñanza e face-la directamente súa. E, en segundo lugar, que se pretenda eliminar o límite do custo do servizo propio que establece unha taxa. Din quen recorre que está é unha cuestión que consideran unha regulación que entra en contradición co disposto no artigo 31 da Constitución.[2]

Din que "ten un risco engadido que é romper a identidade que debe existir entre a contía da taxa e a cantidade que supón a prestación do servizo e con iso, reaparece un risco de encarecemento da prestación de certos servizos públicos".

As Disposicións Final 9ª, 11ª e 12ª da Lei refírense a modificacións da lexislación de taxas e prezos públicos, da de facendas locais e da xeral tributaria que están en consonancia co anterior; así como a Disposición Adicional 43ª.

Estes preceptos impugnados "constitúen un dos elementos máis escandalosos da visión ideolóxica da norma" de fondo neoliberal; que introducen restriccións ao réxime das remunicipalizaciones dos servizos públicos.[3]


Intervención de Lupe Ces no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, no Pleno Extraordinario do Concello de Ferrol, celebrado hoxe, 6 de novembro de 2018.


https://youtu.be/awyzwn-j89Y

Señoras concelleiras, señores concelleiros, señor alcalde:

A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización toma mais unha vez a palabra no pleno do concello de Ferrol para intentar coa nosa contribución a modificación, desta nova proposta do goberno municipal que vostede preside, para a aprobación de novas ordenanzas que regulen servizos básicos nesta cidade, para adecualas á nova lei aprobada no Parlamento español durante o goberno de Mariano Rajoy, e na actualidade recorrida nun dos seus artigos e diferentes disposicións, no aspecto que nos ocupa de taxas ou prestacións non tributarias, por 50 deputadas e deputados, afines ao seu grupo, por anticonstitucional. Porque cando falamos de servizos como o abastecemento de auga, recollida e tratamento dos residuos sólidos e saneamento e depuración de augas residuais, estamos  a falar de servizos básicos. Onde a da auga e o saneamento xa foron recoñecidos, como dereitos humanos pola Organización de Nacións Unidas en 2010. Esta polo tanto, é unha das tarefas principais que a cidadanía encomenda ao seu goberno local, que lle garanta estes dereitos e que eses dereitos sexan cubertos por servizos de calidade e a prezos xustos, que baixo o noso criterio, que antes vostede compartía, estas dúas condicións, de calidade e,  prezos xustos, só se poden cumprir cando servizos básicos destas características son de xestión 100% pública.

Non imos ocupar máis tempo do que nos corresponde. Somos unha Plataforma Veciñal que funciona ao abeiro do Regulamento de participación Cidadá desta cidade, e que traballa, e moito, para intentar rescatar estes servizos básicos da usura das grandes empresas ás que se lle teñen entregado. Obxectivo que vostede compartía. E que denuncia as políticas que perpetúan os seus privilexios e latrocinios, e aos políticos cómplices. Pertencemos ao movemento social que en todo o planeta está a defender os servizos públicos fronte á rapina capitalista. E como o resto de movementos, elaboramos tamén propostas e alternativas como as que imos expoñer neste pleno. Unhas propostas que nacen do estudo das normativas, ordenanzas e os sistemas técnicos de realizar estes servizos, pero tamén do contacto directo coas persoas beneficiarias deles, escoitando e analizando toda a información que nos achegan como afectadas da mala xestión e o roubo continuado que se practica na nosa cidade, como así o constatamos na nosa campaña barrio a barrio, realizada neste mes de outubro, coa recollida de 2.267 sinaturas para unha carta onde lle solicitabamos actuacións concretas.  Pero esta carta, vendo a redacción das novas ordenanzas, seguirá pechada no mesmo armario onde estarán os recursos presentado para modificar o proxecto de saneamento de A Malata (oportunidade perdida para comezar a modificar un sistema económica e ecoloxicamente insostíbel), ou os miles de recursos presentados contra o cobro da taxa, cando a depuradora non depuraba no anterior goberno de Rey Varela.

Queremos alzar a voz no nome desas 2.267 veciñas e veciños de Ferrol que solicitamos unha xestión diferente dos servizos básicos da nosa cidade. Unha carta que lle dirixiamos a vostede na que pediamos se lle abrise un expediente administrativo á empresa mixta de augas pola mala práctica de emitir masivamente facturas por lecturas estimadas (non reais), polo consumo de auga, moi por riba do permitido na normativa en vigor, presuntamente para financiarse dun xeito irregular; onde pedíamos que non se aplicara o cobro da taxa de depuración con efecto retroactivo, pois non é conforme ao aprobado no Pleno de 15 de novembro de 2017, e menos, unha taxa que se recoñece inxusta e avultada por todos os grupos municipais e os informes de EUDITA e OTIMA, que debe ser re-calculada dun xeito explicado, participado e transparente, como tamén debe ser revisada e adaptada a taxa de saneamento (sumidoiros) aos custos reais, moito menos que os máis de 1,8 millóns de euros que pagamos; onde pediamos que se devolvan os 800.000 euros cobrados indebidamente en 2015, durante o goberno de J. M. Rey Varela, por un servizo de depuración que non se realizaba; onde pediamos que se realice dunha vez, a tantas veces anunciada auditoría integral sobre a xestión da empresa EMAFESA; onde pediamos que se devolvan as infraestruturas do sistema de depuración a Augas de Galicia, mentres non podan ser asumidas por un ente supramunicipal, onde entre o concello de Narón e nun futuro o de Neda;  pediamos tamén a denuncia dos convenios con Aquaes e Augas de Galicia por ser claramente lesivos para o noso concello.

Pois ben, agora encontrámonos cunhas propostas de ordenanzas que non recollen ningunha das  peticións destes 2.267 cidadáns, peticións que van na liña do que vostede recollía no programa co que se presentou ás eleccións, no programa de goberno e no acordado nos plenos e xunta de goberno no verán de 2015. Unhas ordenanzas elaboradas, cun corta e pega, de continuísmo coas políticas anteriores, e apoio incondicional á empresa EMAFESA, concretamente á parte privada SOCAMEX, que é quen controla a xestión, sen que este goberno cumpra coa súa función fiscalizadora.

Como senón explicarnos que se permita a EMAFESA que siga cobrando polo servizo de saneamento (alcantarillado ou sumidoiros) sobre uns 1.830.000 euros, cando agora, unha parte da rede de saneamento xa o fai empresa Acuaes a través de Viaqua? Estásenos aplicando unha dupla imposición! 416.316 euros anuais que se inclúen para o cálculo da taxa de depuración.

Que investiu EMAFESA no mantemento da rede de sumidoiros nesta cidade? Pois polo que cobrou ao longo destes 20 anos, e polo que seguirá a cobrar por este servizo segundo a nova ordenanza que se propón, ben puideramos ter sumidoiros bañados en ouro!

Como se controla a xustificación do diñeiro que a propia SOCAMEX saca de entre 3 e 7 actuacións diarias nesta cidade para resolver obturacións de instalacións de saneamento das comunidades de veciños e particulares da nosa cidade, onde se cobra 120€ por hora e outros 120€ por fracción? Como se controla ese mesmo servizo para limpar fosas sépticas no rural? SOCAMEX cobra por custe de persoal, xestión de residuos e materiais utilizados. Quen controla o que fan con eses resíduos? Se os transportan á empresa, antiga SOGARISA no concello de Somozas, agora privatizada na UTE PMA-CONTECO, para o seu tratamento, ou simplemente o introducen directamente ao sistema de depuración que pagamos os veciños e veciñas de Ferrol? Inclúen nos custes de materiais a auga utilizada? Porque tamén a recollen directamente do noso sistema de abastecemento.

O servizo de saneamento na nosa cidade, en mans de Emafesa-Socamex é un saco sen fondo e cheo de irregularidades.

Pero non é mellor o servizo de abastecemento, tamén controlado pola mesma empresa EMAFESA-SOCAMEX. Porque vostede preside o seu consello de administración e ten o papel de fiscalizar a xestión da parte privada, pero permite lecturas estimadas por mais do dobre ou mesmo o triplo do consumo habitual, que van repercutir logo no cálculo dos volumes consumidos para o pago de saneamento e depuración, e que son unha práctica contrastada por parte da empresa, de financiarse a conta dos veciños e veciñas de Ferrol.

No caso das vivendas de Recimil e San Pablo o abuso é maior, porque se ven aplicando un consumo  lineal desde o 2013 de 20m³ por vivenda, independentemente das condicións e número de persoas que habiten esa vivenda. O que se instaurou como unha medida provisional mentres non se acometía unha solución para os contadores deses barrios, leva convertido en norma 5 anos, porque supón uns ingresos moi cuantiosos para a empresa. EMAFESA ten a obriga de instalar eses contadores!, como lle obriga o artigo 25-d da Lei de Augas de Galicia, a maiores de ser obriga incluída no propio Regulamento de Servizo de Auga Potable deste concello.

Tampouco podemos ter tranquilidade coa calidade da auga que consumimos, porque tras a experiencia da crise da auga do 2015, cos trihalometanos, este verán se anunciaba a existencia de cianobacterias no encoro das Forcadas. A Plataforma solicitou a este concello analíticas da calidade da auga. A nosa sorpresa foi comprobar que non existen analíticas independentes, só as que realiza a empresa EMAFESA. O raposo emite certificados de  que non se come ás galiñas, cando, vistos os antecedentes desta empresa, o concello debera realizar analíticas aleatorias e independentes para cumprir coa súa función fiscalizadora.

O servizo de depuración, sendo tan novo na nosa cidade é xa un vello coñecido desta Plataforma. O sistema que se nos impuxo, merecería o Premio Guines por estrambótico, custoso e insostíbel a nivel medioambiental. É certo que ten conseguido eliminar os malos cheiros e mellorar a calidade das augas dunha parte importante da nosa ría, pero non é menos certo que seguen a existir vertidos como os que constata habitualmente esta Plataforma na enseada do Montón no barrio de Caranza, onde por certo aínda está sen retirar un emisario submarino, agora teoricamente desconectado, polo que segue a cobrar Emafesa. E como este poderiamos poñer máis exemplos. Ou no propio camiño Inglés deste barrio, cunha inundación de toalliñas e augas fecais saídas do alcantarillado para o medio do camiño, que non sabemos explicar aínda cal é a súa orixe. Por non falar da explosión ocorrida no mirador de A Cabana onde as tapas do alcantarillado saltaron polos aires, que agora está pechado ao público. Ou a denuncia do deterioro do medio mariño feita por mariscadores no Cabo Prioriño.

Este servizo tan desexado na nosa cidade, non pode ser un lastre máis. Un servizo tan reivindicado e pelexado, que veu con 20 anos de atraso, que desaproveitou o investimento europeo, e que agora vostede, como ocorreu co goberno de Rey Varela, acepta que recaia, o que é o financiamento dunha obra de interese xeral, sobre nós, veciños e veciñas de Ferrol. Hai que transforma-lo, pero se negou a facelo aprobando o mesmo modelo para o saneamento de A Malata, facendo caso omiso da Lei do Regulamento do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia, o mesmo que permite o retraso desta obra anunciado por Augas de Galicia que supoña que esa parte da nosa Ria siga a ser un vertedoiro durante un ano máis.

Ademais, non pode ser calculado o prezo do servizo de depuración, en base aos datos de volumes, custes eléctricos ou custes de depuración que aporta a propia empresa. O cálculo do custe do servizo ten que ser explicado, participado, transparente e xusto. Esta Plataforma non deixamos de felicitarnos porque imos conseguindo pouco a pouco que se rebaixe o prezo da chamada taxa de depuración,  pero afirmamos que aínda hai marxe para baixa-la máis do valor no que a cifra a proposta deste goberno. Por exemplo, coa optimización técnica para reducir consumos eléctricos e caudais a tratar (bio-gas, xeración de enerxía eléctrica co potencial do emisario terrestre, contratación eléctrica por tramos...); a revisión no recibo da taxa de saneamento-sumidoiros; a revisión do canon concesional para facelo finalista para o servizo de augas, entre outros...

Apontar tamén para que conste neste pleno, a nosa total disconformidade co sistema de bonificación que se está a aplicar nestes momentos e ao que se pretende dar continuidade segundo aparece nas novas ordenanzas. Segundo o sistema que vostede e o seu goberno apoian, unha persoa que viva soa que teña de ingresos o IPREM (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples), 537,84€, ten dereito a bonificación. Fíxese que absurdo: unha persoa soa que cobre 538 euros ao mes, uns céntimos máis, xa non ten dereito a esa bonificación. Pero podemos poñer outro exemplo, unha familia de 7 membros que ingresen por unidade familiar 860,64€ ten dereito a bonificación, se ingresan 861€ xa perde o seu dereito. E ademais, se algunha familia, sexan 5, 7, 8 ou nove membros se pasa de 30m³ de consumo perde o dereito á bonificación. Vostede quere perpetuar o castigo á pobreza que practican os gobernos da dereita. A Plataforma propoñemos un sistema progresivo tanto no relativo a ingresos como a consumo.

O obxectivo desta Plataforma é conseguir o rescate dos servizos básicos para unha xestión 100% pública. Levamos xa dous anos indicando o camiño para conseguilo, aínda que vostede olle para outro lado. Agora engadimos que as novas ordenanzas teñen que ir nesa dirección, polo que anunciamos que presentaremos alegacións ás que se aproben hoxe, incluíndo a aplicación do artigo 133 da Lei de Procedemento Administrativo Común, que vostede non quere aplicar para estas ordenanzas, intentando poñer unha mordaza máis á participación cidadá en Ferrol.

Ferrol, 6 de novembro de 2018

Documentos Audio-Visuais.-

Os Plenos son retransmitidos por emisións-online desde a canle do Concello por medio de Youtube.

Pode-se ver o Pleno completo, de case tres horas e medías, na Cale Oficial do Concello, xa publicado. | Ir á Canle.

O Pleno segundo algúns os medios:

Auga. | 2018.11.05 -  Diario de Ferrol. | A oposición reprocha ao alcalde destinar máis diñeiro á débeda que a investimento. | Aínda que o resultado final foi a aprobación de todos os puntos que se incluían na orde do día do pleno extraordinario celebrado onte, referentes ás cuantías e proxectos que se executarán con cargo ao superávit e procedentes de remanentes de Tesorería, o certo é que nada máis lonxe do consenso no debate plenario. | Ir á Web.

Auga. | 2018.11.05 -  La Voz de Galicia. | A oposición abronca a Suárez por perder dous millóns pero facilita investir outros tres. | Un minimizado grupo de goberno tamén logrou a aprobación de ordenanzas fiscais. | Ir á Web.

Auga. | 2018.11.05 -  Ferrol 360. |  Non informa. | Ir á Web.

Auga. | 2018.11.05 -  Galicia Ártabra Digital. | Non informa. | Ir á Web.

Auga. | 2018.11.05 -  Páxina Oficial do Concello. | O Goberno de Ferrol, aproba en Pleno 35 intervencións con 3,8 millóns de investimento. | Os catro puntos da orde do día do pleno extraordinario celebrado o martes 6 foron aprobados logo de catro horas e media de debate. Aqui podes ver o listado das intervencións aprobadas con cargo a case 4 millón de euros: 1,8 do superávit (investimentos financeiramente sostíbeis)+ 1,9 m do remanente de Tesourería. | Ir á Web.


[1] Recurso de inconstitucionalidade n.º 739-2018, contra o artigo 289.2, disposición adicional 43ª e as disposicións finais 9ª, 11ª e 12ª da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se transportaren ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014. | Ir á web do BOE.

[2] Artigo 31 da Constitución. |  Ir á web do Congreso.

A Constitución española de 1978.
Título I. Dos dereitos e deberes fundamentais
Capítulo segundo. Dereitos e liberdades
Sección 2.ª Dos dereitos e deberes dos cidadáns

Artigo 31

Todos contribuirán ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade que, en ningún caso, terá alcance confiscatorio.

O gasto público realizará unha asignación equitativa dos recursos públicos, e a súa programación e execución responderán aos criterios de eficiencia e economía.

Só poderán establecerse prestacións persoais ou patrimoniais de carácter público con arranxo á lei.

[3] Lei de contratos do sector público. Pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español varias directivas do Parlamento europeo e do Consello, no Congreso dos Deputados, pois foron modificados varios aspectos da LGT (Lei Xeral Tributaria) e da LHL (Lei de Facendas Locais), a favor do lobby da auga. Dando un paso máis na desregulación do servizo municipal da auga, iniciado pola Lei de Economía Sostíbel do 2011, para acabar coa xurisprudencia moi reguladora da auga da Sentencia do Tribunal Constitucional 185/1995 de 14 de decembro que obrigou a modificar a LGT de 2013.
_____________________