luns, 25 de outubro de 2021

Consumada a fraude da taxa de depuración en Ferrol - Emafesa rematou de cobrar o último recibo dos "atrasos" correspondente a un período no que o sistema de depuración non depuraba, por un servizo que non se prestou



Emafesa rematou de cobrar co último recibo os "atrasos"  de depuración, correspondente a un período no que o sistema non depuraba. Foi o cobro dun servizo que non se prestou, pois este comezara a funcionar o 3 de abril de 2017 e os recibos cobrados, son polos 31 meses anteriores a esa data. Toda unha fraude, ademais discriminatoria, pois non se lle cobra a todas as persoas beneficiarias do sistema de depuración, senón que só se lle cobrou a unha parte. Á veciñanza de Narón, aos que moran na conca d'A Malata e a que vive na zona rural quedaron exentas de pago. O resto pagou todo o longo período de reparación, posta en marcha e probas do sistema de depuración.

Foron sobre uns 7,12 millóns de euros, o que cobrou Emafesa a unha parte da veciñanza de Ferrol polo período de 31 meses no que o sistema de depuración, non funcionou.

En xaneiro de 2015, sendo Alcalde José Manuel Rey Varela, foi cando se pasou a cobro o primeiro recibo que correspondía aos últimos meses de 2014. Período onde no había nen persoal contratado, nin electricidade, a pouca auga residual que chegaba á depuradora saía sen depurar directamente ao mar. E así ate finais de agosto de 2015, logo da inspección do Concello co alcalde á cabeza.

No medio aconteceu de todo intentos de cesar ao xerente de Emafesa Alejandro Pisa, suspensión da taxa en lugar de derogación, auditorías do estado construtivo da depuradora, intentos de cambio da taxa, informes económicos, informes de explotación do servizo, ... Posta en funcionamento do sistema de saneamento e depuración (4 de abril de 20217), sinatura do Concello de Ferrol dun novo Convenio con Augas de Galicia, nos mesmos termos que o asinado en 2014.

Foi o 20 de agosto de 2018, cando o entón Alcalde, Jorge Suárez Fernández, asinaba as liquidacións polo concepto de "Depuración de Augas Residuais", polo período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de marzo de 2017. (BOP Nº172 do 10.09.2018). Creando-se un concepto de "Atrasos" polo citado período, subdividindo-se este en varios períodos diferentes, polo que se elaborou un calendario de cobro en 8 recibos, que se comezaría a pasar a cobro unha vez que se celebraran as Eleccións Locais de Maio de 2019, como así foi. Foron dous períodos semestrais, en dous recibos únicos, sen outros conceptos diferentes ao de "Depuración de Augas Residuais (Atrasos)". E os outros seis períodos restantes de dous meses cada un, que o incluíron, dentro do recibo ordinario, co concepto "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)", xunto aos outros conceptos e facturas que xestiona o seu cobro Emafesa, mais que non lle son propios (Augas de Galicia, Urbaser e Sogama).

Recibos que a Plataforma chamou a "Non Pagar", dentro dunha campaña de mobilización veciñal contra o cobro por un servizo que non se prestou. Ademais de discriminatorio con respecto a outra parte da veciñanza de Ferrol (Conca d'A Malata e o Rural) que, como é lóxico, aínda ao día de hoxe non pagan, pois non reciben o servizo a pesares de que está rematada e entregada a obra en xuño deste ano. E discriminación tamén coa veciñanza de Narón que non comezaron a pagar ate despois de marzo de 2017 que foi cando comezaron a recibir o servizo e o sistema comezou a funcionar.
___