domingo, 10 de setembro de 2017

Unha bomba de reloxería no concello ferrolano... Por Enrique Barrera - A maioría dos ferrolanos non o saben, pero os que o sabemos estamos preocupados.




"Imaxínese a un home sentado no sofá favorito da súa casa. Debaixo ten unha bomba a piques de estalar. El ignórao, pero o público sábeo. Isto é o suspense". A frase pertence a Alfred Hitchcock. Pois ben, no concello de Ferrol hai unha bomba de reloxería. A maioría dos ferrolanos non o saben, pero os que o sabemos estamos preocupados.

O que si sabemos todos é que, por fin, a EDAR de Prioriño está depurando as augas negras de Ferrol... e de Narón. Tamén sabemos que este traballo faio Emafesa, e que non se aprobou aínda a taxa de saneamento que debemos pagar a veciñanza, pero aprobarase. Como é lóxico, Emafesa cobrará con atraso estes meses. Pagaraos o Concello dos seus propios fondos, ou pagaremos-los no recibo... Xa se verá.

Emafesa está depurando tamén as augas de Narón, sen que se pechara o acordo co concello veciño.

Ferrol e Narón suman 107.734 habitantes, e a este último correspóndelle o 36.6% desta cifra. Con todo, ambos concellos acordaron que Narón pagaría só o 30% do saneamento conxunto, o que indica que algo se negociou mal por parte de Ferrol. Por outra banda, ao non asinar aínda ningún convenio, os nosos veciños poden terminar por non pagar a factura do que se ha depurado, porque consideran que Emafesa inflou o custo.

Por que Augas de Galicia non xestiona a EDAR?

A empresa pública Augas de Galicia xestiona unhas quince depuradoras, e cobra aos usuarios o canon de vertidos que ordena a Xunta, inferior ao que cobra Emafesa. Aparentemente era a mellor opción, e era a que defendía e segue defendendo o concello de Narón. Con todo, PP, Cidadáns e Ferrol en Común decidiron encomendar a Emafesa a xestión da EDAR. En contra votaron PSOE e o BNG.

Cando este artigo se publique, Emafesa xa presentaría o quinto recibo, e aínda que descoñezo o seu importe, calculo que cada un deles achegarase aos 250.000 euros. Imaxínense que Narón se nega a pagar os 375.000 euros que lle corresponden, porque sinxelamente non hai ningún papel que lle obrigue a iso. Non impedir que che depuren as túas augas residuais, non quere dicir que aceptas abonar a factura. Quen o pagará? A resposta é Ferrol. E cada mes que pase sen resolverse o contencioso, os contribuíntes ferrolanos veremos como se nos escamotean 75.000 euros que podían e debían ser investidos na nosa cidade. Aínda que finalmente se renegocie e Narón pague (non está nada claro que teña que facelo con efectos retroactivos), pagará o que considere xusto, así que os ferrolanos perderemos diñeiro por partida dobre: o moito ou pouco que regalariamos a Narón, e o que paguemos de máis a Emafesa.

Publicado o 9 de setembro de 2017 en Galicia Ártabra Dixital.


[*] Enrique Barrera Beitia (Zaragoza en 1955),  profesor, historiador, escritor e investigador. Desde 1984 vive en Ferrol. Foi membro do Partido Comunista de Galicia. En 1991 foi elixido concelleiro en Ferrol por Esquerda Unida–Esquerda Galega, participando no seu goberno municipal perante uns anos. Foi membro e un dos principais activos da Asociación Cultural Fuco Buxán. Na actualidade forma parte da executiva local do PSdeG-PSOE. É cofundador da asociación Memoria Histórica Democrática. Ten unha extensa bibliografía dos seus traballos de investigación, principalmente relacionados coa memoria histórica. Escribe artigos de opinión en diferentes medios locais e mantén un activismo social, observa e opina sobre a actividade política en Ferrolterra.
---