venres, 1 de xullo de 2016

Contrato Eléctrico: Germán Costoya, avanzou que se está a traballar para sacar adiante dous contratos separados, un de mantemento e outro de subministro, por un período curto de tempo que sería empregado para artellar a remunicipalización


A CONCELLERÍA DE SERVIZOS MANTÉN O OBXECTIVO DE REMUNICIPALIZAR O SERVIZO ELÉCTRICO

O edil de Servizos do Concello de Ferrol, Germán Costoya [*], avanzou que se está a traballar para sacar adiante dous contratos separados, un de mantemento e outro de subministro, por un período curto de tempo que sería empregado para artellar a remunicipalización definitiva do servizo. Germán Costoya lamentou a “irresponsabilidade” do PP por votar en contra do pago de facturas do servizo eléctrico pese a xurdir da situación que o PP provocou no pasado goberno local.

O concelleiro de Servizos, Germán Costoya, lamentou esta mañá a “irresponsabilidade” do Partido Popular tras votar en contra do recoñecemento extraxudicial en pleno municipal das facturas correspondentes ao servizo eléctrico. “Deixar patente a nosa sorpresa pola decisión do PP de votar en contra do recoñecemento extraxudicial dunhas facturas”, aseverou, lembrando que “a situación actual foi provocada por eles mesmos xa fai cinco anos cando foron os que renunciaron ao proceso ao proceso de contratación xa en marcha, que se refería ao mantemento por un lado e ao subministro eléctrico por outro”.

O rexeitamento en pleno afecta a facturas tanto de Gas Natural-Fenosa como da UTE SICE-PASSCO, por unha contía de preto de 356.000 euros. “Haberá que ver as repercusións que terá tanto nos traballadores como nas arcas municipais este acto de total irresponsabilidade por parte do Partido Popular”, remarcou.

Ao respecto da contratación do servizo eléctrico, Germán Costoya avanzou que “dende a Concellería de Servizos estamos a traballar na solución posterior tras a renuncia ou desestimento do contrato eléctrico, a nosa intención é que ao día seguinte que se decida en pleno a renuncia ou o desestimento teñamos sobre as mesa as opción dunha nova contratación”.

Neste senso, avanzou que a intención da Concellería pasa por realizar “dous contratos separados” que se referirían, dunha banda, ao mantemento eléctrico, e doutra, ao subministro eléctrico.

Sería, en todo caso, unha situación temporal e por un período curto de tempo, que se aproveitaría para artellar a remunicipalización do servizo eléctrico que, ao igual que outros servizos municipais, é “o noso obxectivo”.

Ferrol, 30 xuño de 2016

[*] Germán Costoya Casas (gcostoya@ferrol.es). Concelleiro Delegado Titular da Área de Servizos, Mercados e Festas. Atribucións: 1.- Servizos establecidos coa competencia municipal e os que poidan establecerse no futuro, tales como alumeado público, limpeza, cemiterios, praias, parques e xardíns. 2.- Competencias en materia de augas e rede de sumidoiros incluíndose todas as relacións tanto de carácter xurídico como de funcionamento que teña o Concello coa Empresa Mixta de Augas. 3.- Mercados. 4.- Festas. Arquitecto Técnico. Membro da Executiva Local do PSdeG-PSOE. No Twitter e no Facebook.

***